Nomeados Embaixadores de San Pedro oito establecementos do barrio

Comentarios desactivados en Nomeados Embaixadores de San Pedro oito establecementos do barrio 81

Embaixadores San PedroPor seren representativos das boas prácticas comerciais, os representantes serán “Xerarte“, “Como pez en el agua“, “Librería Pedreira“, “El taller de fer“, “A balea violeta“, “QueroTe“, “Émbora” e “Fainoti“.

O Concello de Santiago vén de nomear como gañadores do programa “Embaixadores do barrio de San Pedro” a estes oito establecementos que serán os protagonistas, cada un deles, dun vídeo que permita reflectir, a través deles como embaixadores, a excelencia do comercio e da hostalería do barrio. Ademais, cada establecemento gañador terá dispoñible no seu escaparate un cartel dotado de código QR.

En total abranguen actividades en varios sectores como –citados por orde- xeados artesáns, textil infantil artesanía, librería papelería, artesanía en coiro, tenda infantil de roupa e complementos, especialistas en té, floristería e tenda de lás.

O programa ten coma obxectivo resaltar as virtudes, beneficios e atractivos do barrio de San Pedro, un lugar para vivir, traballar, emprender, mercar e divertirse a través do seu comercio e hostalería, para así amosar o seu atractivo á veciñanza de San Pedro, de Compostela, e aos seus turistas e visitantes. Esta iniciativa, incluída no programa Urbana Santiago Norte e financiada pola Unión Europea a través dos FEDER, busca igualmente dar o merecido recoñecemento a aqueles establecementos que, co seu labor, contribúen á mellora da imaxe do barrio e o converten nun lugar de atracción.
A selección realizouse, entre todos os participantes, a través da técnica do “mistery shopping” ou “comprador misterioso”. Consiste na visita dunha persoa que, facéndose pasar por un comprador calquera, avaliou o grao de cumprimento das boas prácticas comerciais que se recomendaban no catálogo da convocatoria.

Aqueles establecementos que obtiveron as mellores puntuacións segundo o baremo establecido serán os protagonistas, cada un deles, dun vídeo que permita reflectir, a través deles como embaixadores, a excelencia do comercio e da hostalería do barrio. Os vídeos difundiranse a través da web do barrio de San Pedro.

Ademais, cada establecemento gañador terá dispoñible no seu escaparate un cartel dotado de código QR a través do cal calquera cidadán que pasee polo barrio ou que chegue por primeira vez a Santiago poderá atopar toda a información do proxecto dispoñible na web de San Pedro e coñecer mellor o seu establecemento.

Barrio de San Pedro