Nacido como un conxunto de arrabaldes e rúa esparexidos á entrada en Santiago polo Camiño Francés, San Pedro é un barrio case tan antigo como a propia cidade. O Camiño, polo que viñan os peregrinos pero tamén, e sobre todo, comerciantes, viaxeiros e labregos, marcou o seu desenvolvemento urbano e tamén o carácter das súas xentes, que aínda hoxe son acolledoras, dinámicas e un tanto cosmopolitas.
Este pasado reflíctese no trazado dalgunhas das súas rúas, dotadas desa monumentalidade que nace das xentes comúns, na súa personalidade marcada por unha forte identidade de barrio e na súa vitalidade.
É un pequeno microcosmos con sólidos negocios de proximidade, emprendementos innovadores, todo tipo de servizos e unha intensa vida social e cultural que fan posible vivir sen apenas ter que saír del.
Dalgún xeito, o barrio de San Pedro é o barrio por excelencia e reinvéntase cada día para atraer novos veciños e veciñas, novas ideas e novas propostas desde as que construír un futuro común.
Síguenos