O Concello crea unha páxina web para dinamizar o barrio de San Pedro

Comentarios desactivados en O Concello crea unha páxina web para dinamizar o barrio de San Pedro 67

Presentación web San PedroA concelleira de Comercio, Reyes Leis, presentou no Pazo de Raxoi a nova web do Barrio de San Pedro, www.barriosanpedro.eu, desenvolvida polo Concello dentro do Urbana Santiago Norte, que conta co cofinanciamento da UE a través dos Fondos Feder. A novo espazo web nace a petición dos propios veciños e empresarios de San Pedro, e especialmente da Asociación A Xuntanza, que demandaban un espazo en Internet que permitise a promoción comercial do barrio, como mecanismo de atracción de visitantes e xeración de movemento de xente, e como estímulo para o desenvolvemento comercial e económico, e captación de novos veciños, tanto residentes como emprendedores e traballadores. Trátase tamén de renovar o tecido económico e de constituír nunha ferramenta de comunicación para o barrio.

A web conta cun amplo abano de contidos centrados no barrio de San Pedro. Dispón dun directorio comercial cos establecementos do barrio e inclúe a posibilidade de que os propios comerciantes publiquen as súas ofertas e novidade. Ten tamén contidos de interese turístico cos recursos e atractivos de San Pedro, incluíndo unha axenda de eventos, e incorpora información de servizos, como as asociacións veciñais e as súas iniciativas, clubs deportivos, recursos educativos, culturais e sanitarios…

O Centro Sociocultural da Trisca acollerá varias sesións informativas onde se presentará a nova páxina web co obxectivo de que veciños e comerciantes poidan coñecer directamente as súas posibilidades. A primeira sesión será o martes 25 de novembro, de 20:30 a 21.45 horas, e estará dirixida aos negocios do barrio, principalmente comercios; o martes 2 de decembro, de 17:30 a 19:00 horas, haberá unha sesión específica para os negocios de hostalería; e o martes 9 de decembro, de 20:00 a 21:30 horas, realizarase unha sesión final aberta para o público xeral.

Barrio de San Pedro