O Concello presenta os vídeos dos establecementos Embaixadores do Barrio de San Pedro

Comentarios desactivados en O Concello presenta os vídeos dos establecementos Embaixadores do Barrio de San Pedro 270

Videos embaixadores San PedroA Concellería de Comercio vén de presentar os vídeos realizados nos establecementos que foron nomeados “Embaixadores do Barrio de San Pedro”. As pezas audiovisuais poden verse na sección Barrio 2.0 – Multimedia deste sitio web, e teñen como obxectivo dar promoción á emblemática zona da cidade, amosándoa como un lugar para vivir, traballar, emprender, mercar e divertirse.

Estas obras filmadas son parte do recoñecemento que recibiron os oito establecementos premiados polo Concello polas súas boas prácticas comerciais: Como Pez en el Agua, Floristería Embora, Faino Ti, A Balea Violeta, El Taller de Fer, Xearte, Libraría Pedreira e Quero Té.

Os vídeos están dispoñibles na páxina web do barrio de San Pedro e nos perfís de Facebook e de Twitter.

Os oito establecementos nomeados Embaixadores de San Pedro foron parte dos vinte de locais que se presentaron ao concurso impulsado pola Concellaría de Comercio, e que ten como obxectivo premiar a excelencia que axuda a converter o barrio nun lugar atractivo para residentes e visitantes.

A selección dos gañadores realizouse a través da técnica do “comprador misterioso”, na que un avaliador visita a tenda facéndose pasar por un interesado anónimo, podendo comprobar o cumprimento das boas prácticas comerciais recollidas no Manual publicado pola Concellería de Comercio.

Nos vídeos cada protagonista fala do seu propio negocio pero, ademais, como embaixador de San Pedro, presenta a excelencia do comercio e da hostalería do barrio. A identificación física dos establecementos faise cun cartel distintivo que conta cun código QR, co que se pode acceder facilmente a toda a información sobre o proxecto.

Os establecementos Embaixadores do Barrio de San Pedro son:

Libraría Pedreira. Esta emblemática libraría, situada na rúa do Home Santo 55, abriu as portas en 1981 e dende entón consolidouse como un referente, en Santiago de Compostela e no propio Barrio de San Pedro, na dinamización da cultura galega e da lingua.

Quero Té. Emprazado na rúa San Pedro 93 e cunha coidada decoración, neste establecemento especializado atópase unha gran variedade de tés que se poden mercar a granel ou xa preparados para o seu consumo, ademais doutros produtos derivados.

Xearte Brigitte. A elaboración completamente artesanal, a variedade de sabores e o uso de ingredientes frescos e de calidade son as claves do éxito desta xeadería situada no número 70 da rúa de San Pedro.

El Taller de Fer. Neste local da rúa San Pedro 109 confecciónase e véndese unha ampla variedade de artigos feitos en coiro de maneira artesanal. Ademais, impártense obradoiros todas as semanas para aqueles interesados no oficio.

A Balea Violeta. Especializado en puericultura, con produtos, xoguetes e prendas para bebés e meniños, o establecemento ofrece tamén sesións informativas para familias e mulleres lactantes, así coma obradoiros de temática variada. Situado no número 69 da rúa de San Pedro.

Faino Ti. O mundo da la e dos seus accesorios non ten segredos para esta tenda do número 89 da rúa de San Pedro. Ademais da súa función comercial, cada semana acoden grupos para aprender a calcetar, facer gancho e outras técnicas de tecido.

Floristería Embora. Toda unha vida de dedicación ao mundo das plantas e flores garanten o bo facer que se estila neste local do número 65 da rúa San Pedro. Realízase venda diaria e traballos por encargo, dende pequenos centros a instalacións de maior envergadura.

Como Pez en el Agua. Unha variada e coidada exposición de produtos de artesanía, todos eles realizados no propio establecemento, recibe aos visitantes. Nesta tenda da rúa San Pedro 79 hai desde bixutería a complementos de todo tipo, pasando por decoración e artigos para meniños.

Barrio de San Pedro