Oito establecementos de San Pedro serán nomeados embaixadores do barrio polas súas boas prácticas

Comentarios desactivados en Oito establecementos de San Pedro serán nomeados embaixadores do barrio polas súas boas prácticas 21

Embaixadores San PedroO Concello de Santiago pon en marcha o programa Embaixadores do Barrio de San Pedro, co que se busca resaltar as virtudes, beneficios e atractivos do Barrio de San Pedro, un lugar para vivir, traballar, emprender, mercar e divertirse a través do seu comercio e hostalería, para así amosar o seu atractivo á veciñanza de San Pedro, de Compostela, e aos seus turistas e visitantes. Esta iniciativa, incluída no programa Urbana Santiago Norte e financiada pola Unión Europea a través dos FEDER, busca igualmente dar o merecido recoñecemento a aqueles establecementos que, co seu labor, contribúen á mellora da imaxe do barrio e o converten nun lugar de atracción.

Oito establecementos do barrio serán nomeados Embaixadores do Barrio de San Pedro por seren representativos das boas prácticas comerciais. A selección realizarase, entre todos os participantes, a través da técnica do “mistery shopping” ou “comprador misterioso”. Consiste na visita dunha persoa que, facéndose pasar por un comprador calquera, avaliará o grao de cumprimento das boas prácticas comerciais que se recomendan no catálogo que se acompaña con esta convocatoria.

Aqueles establecementos que obteñan as mellores puntuacións segundo o baremo establecido serán nomeados Embaixadores do Barrio de San Pedro e serán os protagonistas, cada un deles, dun vídeo que permita reflectir, a través deles como embaixadores, a excelencia do comercio e da hostalería do barrio. Os vídeos difundiranse a través desta mesma web.

Os establecementos interesados en participar deben cubrir o formulario de inscrición dispoñible nesta web e na do Urbana Santiago Norte. A data tope para a inscrición no concurso é o venres 12 de decembro ás 12 da noite.

Barrio de San Pedro